Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

16/01/12

HHhH

Creo que por moitos libros que lea e por moitos documentais que vexa, xamais deixará de soprenderme a maldade do nazismo. A miña última lectura adentroume novamente neste período negro da Historia recente, da man de Laurent Binet: HHhH está publicado por Seix Barral.
Supoño que o primeiro que chama a atención é o título, baixo o que se agocha a frase alemá "Himmlers Hirn heisst Heydrich": o cerebro de Himmler chámase Heydrich. E sobre este home e o atentado que sufriu vai a novela. Unha novela moi fresca, hai que engadir, posto que autor nos confía unha e outra vez os seus desvelos por contarnos a historia e porque esta sexa Historia; el fala en tempo real dos seus personaxes, dos seus sentimentos cara a eles, mesmo confesa as súas inquedanzas, salpicando a narración histórica coas súas reflexións e converténdose el mesmo nun personaxe da novela. Grazas a este libro coñeceremos algo máis da Historia nazi, os seus principais dirixentes, pero tamén como se organizaba a Resistencia, o valor de miles de anónimos que perderon as súas vidas por defender a xustiza e o seu país. E, ante todo, sufriremos ao ler masacres e inxustizas, e choraremos ante a masacre de Lidice mentres agardamos un final que sabemos non será bo. E pasearemos por Praga, unha cidade que o autor ama e describe minuciosamente. A fermosa Praga.
Chama a atención a busca obsesiva da verdade do autor, comparando mesmo en ocasións o que el puido ler o oír co que sabe que foi inventado. E todo por un fin: “para que cualquier cosa pueda penetrar en la memoria, es preciso antes transformarla en literatura”.
Eu recomendóvola. E moito.


2 comentarios:

Encarna dixo...

Que bonita frase sobre a literatura!!!. Pasaba por aquí e non me quero ir sen dicirche que extraño as túas recomendacións e intervencións no foro do PLAMBE. Saúdos e unha aperta.
Encarna/CEIP Andrade

Ronsel dixo...

Moitas grazas, Encarna, por lembrarme e por pasar por aquí. A verdade é que deixei de recibir o foro do PLAMBE hai un par de meses, como mínimo. A ver se soluciona.
Biquiños

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.