Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

25/02/12

Amantes

Carme Moure, a xa nosa colaboradora habitual, recoméndanos a súa última lectura. Graciñas miles, Carme:

As citas iniciais, nunha obra literaria, non son puros ornamentos, senón que poden dar pistas do que nos imos atopar nas páxinas seguintes. En Amantes, de María Lado, V Premio de poesía erótica Illas Sisargas, non só sucede isto, senón que ademais, conteñen, algunhas delas, esa ironía que tanto cómpre para encarar a vida.

Y no se inmute amigo la vida es dura

con la filosofía poco se goza

eche veinte centavos en la ranura

si quiere ver la vida color de rosa

Raúl González Tuñón

Neste poemario sinxelo, que non simple, o fío que ennobela os poemas vai ser a incitación e o devezo, que levan a unha procura do outro na busca da satisfacción amorosa.

É un libro que resulta de lectura cómoda polo uso dunha linguaxe clara e precisa, con recorrentes referencias mariñas, mais sen ningún tipo de complicacións formais nin reviravoltas retóricas.

A inserción de frases en estilo directo achéganos a situacións reais, correntes, como atopamos por exemplo en Ulises, mito viril por excelencia, sempre mariñeiro de mar e de corpo, pero humanizado e transformado aquí nunha persoa cotiá a quen, cando pide que “ quedemos nun porto que coñezas” se lle di “pois recito ao pé da túa casa, nun garito”. E o encontro, ¡como non!, faise inevitable “es bo mariñeiro, ulises / non temes a resaca nin o temporal/sabes que se son nave/ é para ir bater contra ti/para que me arrastres polo van/na marea do teu abrazo”.

Tamén nos chamou a atención 1961, composición na que a base de condicionantes xustapostos, ao lector ou lectora, lle falta tempo para chegar ao final e descubrir o segredo do condicionado. Ou Paxaros e maceiras, onde a seducción dos primeiros e o cortexo das segundas nos fixo lembrar a frescura e inocencia do Sen título de Celso Fdez Sanmartín.

En fin, poemas, nos que se mesturan o sabor “que ben sabes, amor novo,/os teus bicos son mazás de inverno”, o goce “ é tan fermosos/amarnos así,/sen debernos o nome”, as miradas de desexo “ vou afogar nas pupilas dese mozo”, ou o lume “incendio as rúas que van do centro á túa casa” desa paixón que é como un “exército descontrolado/demasiado excitado/animalario extenso para cama de matrimonio”.

E, por suposto, todo isto con música de fondo.

Nada máis e nada menos.

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.