Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

29/07/12

Yo confieso

A pesar de que mo deixaron hai meses, tíñao "aparcado" por mor do seu grosor: preto das 900 páxinas tiraban para atrás (xa me parezo ao meu alumnado). Pero, finalmente, devoreino en pouco tempo. Jaume Cabré realiza en Yo confieso -publicado por Destino- unha filigrana literaria de mestura de tempos, accións, sentimentos e amor á cultura, todo isto nun mesmo parágrafo ou na mesma liña.
Se o personaxe central é Adrià, ao seu carón hai un centor de personaxes que xiran arredor da orixe dun violín moi especial, o storioni: o madereiro que sabe elixir a madeira que canta, o construtor que lle dá nome, as persoas polas que o obteñen... cidades diferentes, co nazismo de fondo, van completando a novela, unha lectura que precisa unha boa dose de concentración e que facilita unha gran dose de pracer literario.
E que hai no fondo?: a procura do mal. Poderemos entender toda a maldade das guerras, do nazismo na súa crueldade máis suprema, da guerra civil e posterior ditadura, da insaciabilidade do ser humano por posuír canto máis mellor? Pois nesta procura leremos da man de Cabré unha parte da historia europea da humanidade.
Veredes que na novela hai de todo, ademais dun traballo de documentación excepcional: humor, paixón, amor, cultura, historia, lingua... Pero se ata temos versos de Rosalía de Castro nas súas páxinas!!!
Non perdades a oportunidade de lelo. Se estades de vacacións, é o momento ideal. Coido que non vos defraudará!


Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.