Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

29/08/12

Luna de miel

Da mesma colección da que falamos anteriormente da editorial Nórdica, temos este relato, Luna de miel, de Leonard Michaels, un autor do que nada tiña lido. Aínda que din que parece que non é o mellor relato del,  estráñame que o comparen co tamén escritor xudeu Philip Roth, quen creo poder situar a unha altura moi superior. 
O relato sitúanos ante personaxes atormentados que non esquecen os seus soños pero que saben xogar con destinos tráxicos, coa sexualidade como fondo de amores prohibidos e os sinais de identidade xudeus presentes nas súas páxinas. Pero non é un relato maxistral que me indique que deba coñecer a obra deste autor: non lle vexo sinais de mestría. Aínda que ao comezo pensei que ía estar ante un relato exquisito, non foi esa a sensación ao transcorrer das súas páxinas, xa que os personaxes non son profundos e "non me chegan". O mellor é o final, un tanto ambiguo, pero que, todo hai que dicilo, estabamos desexando que chegara.

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.