Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

11/01/13

Circoxidado

Un álbum moi chamativo resulta ser este que agora teño entre as mans, Circoxidado. El gran espectáculo de Crispín Capote & Flamarión publicado por Kalandraka, con texto de Álvaro Alejandro López e ilustracións de Sergio Mora. Chamativo pola dobre vertente do álbum: texto e ilustracións son do máis orixinal. Se falamos destas últimas direivos que resultan ser unha especie de carteis publicitarios do século XIX, a maxia que consegue que estes se volvan tan reais como os personaxes descritos polos poemas que nos falan de personaxes fantásticos con raras habilidades, unha especie de surrealismo irreal e idílico. A maxia do circo transformada na maxia do libro que permite que os soños máis estrambóticos se fagan realidade, porque... quen non gusta de facer malabarismos coas palabras, coas letras, coas ilustracións? Quen non marcha para a cama soñando con que tamén nós vivimos estrambóticas aventuras, convertémonos en asasinos, detectives, magos ou pintores? Se a maxia da literatura nos dá isto e moito máis, mesturade agora a maxia da literatura coa maxia do circo. O resultado tédelo entre as mans: Circoxidado.

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.