Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

12/01/13

Culpa

Moito me recomendaron o libro de Ferdinand Von Schirach Crímenes, así que cando vin este segundo non o pensei, e non errei precisamente: Culpa, publicado asemade por Salamandra, é unha lectura que non deixa indiferente. Ambos libros teñen en común que son un conxunto de episodios xudiciais nos que o escritor intervén dalgún xeito. E parece ser que tamén ambos comparten a maneira de estar escritos: economía de recursos e exposición clara e axustada. E o resultado é fascinante. Porque estas noveliñas negras foron reais e iso dános unha idea de todo do que a humanidade é capaz. Outra cousa que nos queda clara: a xustiza non é nada perfecta.
O primeiro relato, para comezar, dá calafríos. (Re)Coñecer un delito semellante e a súa impunidade resulta estarrecedor. E botámonos a tremer. Así que ide pasando páxinas.
Tal como anuncia o título, a culpa é unha constante nos relatos e o protagonista de todos eles. Ollo! Falamos de culpa en xeral: a culpa do delicuente pero tamén daqueloutros axentes que interveñen en calquera crime. Non busquedes arquetipos do ben e do mal, senón calquera sentimento arredor deles.
Unha lectura moi satisfactoria. E iso a pesar da frialdade do narrador e do seu distanciamento. Será porque, creo eu, pretende que sexamos nós os que xulguemos.

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.