Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

09/01/13

Virginia Woolf

Cando souben que saía a biografía de Virginia Woolf en cómic pareceume unha idea moi interesante, por iso lina tan pronto tiven un oco. Os seus autores son Michèle Gazier e Bernard Ciccolini, a edición corre a cargo de Impedimenta. Virginia Woolf é un libro delicioso, unha biografía que nos amosa unha nenea doce e tenra que foi medrando mentres vía desaparecer á xente máis amada; unha moza, unha muller, que precisa de cariño, de amor, e que o busca por todas partes. E o máis interesante de todo: o libro foxe da loucura, non se presta a declarar o mito da tolemia senón que quere mostrarnos a muller que foi, realmente. Aínda que non afonda e pasa por alto moitas facetas da súa vida, claro está, é unha homenaxe á escritora, á muller que sentía e necesitaba, á muller de carne e óso que ten medo, que sofre, que vai ás entrañas da Literatura.
O cómic, o debuxo, é fermoso. Directo. A primeira escena, a nena que ama á súa nai, paréceme intensamente perfecta. Ademais, non agocha pinceladas que nos quedan para investigar máis na súa biografía: a súa sexualidade, os abusos do seu irmán, as relacións con outras escritoras, a súa dificultade como escritora, a súa posición política...
Moi recomendable.







Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.