Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

27/04/13

'Un país para soñar' ou cando a Xunta premia o sexismo

Recollo de Sermos Galiza. Non teño nada máis que engadir, só o meu abraio e a miña indiganción. Isto vén sendo unha gota máis neste océano de atraso que estamos consentindo na sociedade do século XXI:
A delegada do Goberno galego en Vigo recoñeceu a empresa española Princelandia co galardón ao "concepto nacional máis novidoso". Que ten de novidoso? Sesións de maquillaxe, manicura, pedicura, perruqueiría, desfile en pasarela de moda, reposteiría e obradoiros de protocolo para nenas de entre 4 e 12 anos




Máis que un país para soñar, o da empresa Princelandia é un país ateigado de estereotipos de xénero onde o que se fomenta é a educación sexista a través dunha rede de spa´s repartidos por toda a xeografía do Estado español e onde só as nenas poden entrar, baixo a promesa de as facer princesas por un día.

Malia que as organizacións feministas botaron as mans á cabeza e sinalárono deseguida como 'Espazo machista denunciado', a Xunta de Galiza non tivo reparo ningún en lle outorgar un premio de recoñecemento, ao considerar esta iniciativa "o concepto nacional máis novidoso". Nacional español, claro, pois na Galiza non hai aínda ningún centro. De momento.

Princelandia é unha marca rexistrada que fai parte do grupo empresarial Diveralia Spa, con sede en Sevilla. Trátase dunha serie de franquicias que ofertan actividades e servizos pensados para o público infantil feminino, autodefiníndose como un espazo de "ocio e beleza" para nenas de entre 4 e 12 anos. Maquillaxe, manicura, perruqueiría, desfile en pasarelas de moda, masaxes, obradoiros de protocolo, baile, repostería.... e un apartado especial para primeiras comuñóns. Toda unha oferta sexista que pretende ser "un modelo educativo relacionado coa saúde, o benestar e o coidado persoal tratando de que se sintan femininas nun mundo máxico de cor rosa".

Este é a declaración de intencións da iniciativa empresarial española que, repetimos, mereceu un premio da Xunta de Galiza a través da súa delegada en Vigo, María José Bravo. A simpatía cara a este tipo de iniciativas por parte do Goberno galego non é de estrañar. Ben mirado, o que se describe en Princelandia non é senón un modelo educativo que fomenta a segregación por sexos a unha idade temperá, o mesmo modelo que a consellaría de Educación finanza con tres millóns de euros ao ano a través de cinco centros de ensino privado.

Os spa que mereceron o galardón á "novidade empresarial" perpetúan a idea das "mulleres obxecto", do amor romántico con príncipes azuis e medias laranxas, a submisión perante un ideal de beleza e a división sexual do traballo.

A indignación anega as redes sociais e chega aos parlamentos galego e europeo

Na Galiza, o proceder da Xunta espertou xa as voces críticas. Alén dos colectivos feministas, que transladaron a súa indignación ás redes sociais, no Parlamento galego o grupo de AGE pedirá explicacións ao goberno de Núñez Feijóo.

Eva Solla, deputada da mencionada formación política, considera "un erro lamentábel e inaceptábel" este recoñecemento a actividades "que nos recordan as ensinanzas impulsadas pola sección feminina de Falange" nos anos da ditadura.

Porén, as queixas chegaron tamén até o Parlamento europeo, onde Esquerda Unida presentou unha pregunta sobre a actuación da Xunta, que cualifican de "lamentábel", exixindo a retirada do galardón outorgado

2 comentarios:

María Jesús dixo...

Absolutamente penoso. Como muller e como educadora sinto una profunda frustración. ¿As nais destas nenas son as que leron no seu día "Rosa caramelo"? Esta claro que non hai ninguna batalla gañada definitivamente. O da Xunta xa non ten nome (ou si que o ten)

Agustín dixo...

Unha vergonza, un regreso ao franquismo, só que con cores rosas e efectos especiais. Dá noxo que a iso lle poida conceder un premio unha institución. Non teñen límite!

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.