Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

29/07/13

Angel Esquire

Tráenos Hugin e Munin este clásico da novela policiaca en estado puro: Edgar Wallace. A verdade: sentín unha grande ledicia cando o vin en galego, porque o nome de Wallace acompaña as miñas primeiras lecturas. Recordo que na miña casa había moitos libros del, así como de Agatha Christie e de Conan Doyle; maxino que a novela negra era un piar fundamental das lecturas do meu pai, e foi este xénero o que me principiou na lectura novelesca despois dos cómics. Así que o meu cariño por Wallace é profundo e sentimental. Pero este libro en concreto non o coñecía: Angel Esquire é un libro delicioso que recomendo para amantes da novela negra. A partir dunha herdanza encriptada, asistimos ao insospeitado proceder dos homes en busca da riqueza. Un libro que se le como novela e como cinema, pois é inevitable maxinar en todo momento a acción vendo un filme, onde destaca un toque de humor refinado e unha intriga constante e á vez delicada que contempla a duración da lectura coma un lóstrego, porque, simplemente, queremos devorar o libro. Unha acción que ademais ten a virtude de aportarnos trazos xerais do Londres da época.


Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.