Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

20/08/13

Muerte en Florencia

Como sigo coñecendo detectives e autores de novela negra da man de meu irmán, este é o último -de momento-: Marco Vichi é o autor de Muerte en Florencia publicado por Duomo. Xa sabedes que isto da novela negra dá para moitos subxéneros, pois este libro que agora nos ocupa é policíaca, e teño que dicir que me gustou coñecer o comisario Bordelli. Sobre todo polo sentido de humor que destila a lectura, a pesar de estar buscando un asasino -ou varios- cruento e a pesar do final. Resulta interesante que estea situada en 1966 e que se dean pinceladas da Italia pro-nazista e dos combatentes anti-nazis, así como o espectacular momento histórico que nos agasalla, tan ben retratado e sinalado. O personaxe principal resulta ben interesante polos seus claroescuros: amigo de criminais, tolo polas mulleres novas, fumador empedernido... O que máis chama a atención do libro é que sexa tan descritivo en todos os detalles, e tan lento, algo que non adoitamos atopar neste xénero novelístico; pero iso non lle resta calidade, senón ao contrario, posto que estamos ante un bo narrador que sabe describir con luxo de detalles aquilo que lle interesa. Ademais, conta cunha boa dose de crítica social, como si é corrente atopar na novela negra actual.
Así que estamos ante unha boa novela que se afasta do habitual por ese ar pausado que o autor lle concede polas descricións pero que sabe manter eficazmente a atención do lector-a. E atención ao final!
.

2 comentarios:

Anónimo dixo...

So pola portada xa dan ganas de lelo. E tamén de viaxar aló.

Ronsel dixo...

Buenoooooooooooo, mellor viaxar, claro

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.