Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

29/08/13

Os caloteiros

Grazas á editorial Rinoceronte temos a Jim Thompson, un dos mellores autores de novela negra mundial -un xenio-, en galego. A última novela publicada é Os caloteiros. Como todas as súas novelas, a lectura é rápida e cun soporte de tensión continuo, con persnaxes atormentados e un aparente caos que non o é en absoluto. Do psicópata doutras novelas pasamos a un caloteiro e a súa nai, figura impresionante que nos deixará sen alento ao final. Un final onde nada é o que semella e que nos deixa un sabor agre e amargo sobre o destino e as posibilidades de fuxir del ou de cambiar de vida.
Como bo narrador que é, a novela, bastante curta, prepáranos para este final infartable. Ambicións e miserias son os protagonistas desta historia onde os personaxes son ruíns (nesta ocasión temos un personaxe debaténdose entre continuar ou buscar unha orde na súa vida). Porque isto é o máis interesante de Thompson: non conta como se vai preparando un crime nin a súa posterior investigación, non; el fala da catadura moral dos personaxes. E o lector que xulgue. Porque isto é o que hai, aínda que ás veces estea agochado e non o vexamos. Ou non queiramos velo, que todo pode ser. Sempre temos con Thompson a soidade de personaxes atormentados e a moral que subxace en todo o texto. E iso faino ser maxistral.





Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.