Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

18/11/13

A memoria da choiva

Non sei se existe unha fórmula científica supersecreta que consiga que un libro ate a un lector ou unha lectora a unha cadeira e consiga telo amarrad@ ata que remate a súa lectura. De existir, está claro que Pedro Feijoo conseguiuna. Ollo, é unha arma letal para a que non hai antídoto. E esa arma letal procura o divorcio, a fame, o estropicio dunha casa... A saber. Eu, xa vos digo, andaríame con moito tino. Este Pedro Feijoo ten "un ollo" que imprime medo. 
E ben sei de que falo. Comigo tamén o tentou. Pero eu son moi afouta e planteille cara. Non ían poder comigo menos de cincocentas páxinas!

Teño para min que dende hai non moito tempo conseguimos ter na nosa Literatura un exercicio que Pedro Feijoo vén de eclosionar: a existencia dos best-sellers. Si, algo que semella tan sinxelo e do que todo o mundo fala, ese libro que está por todas partes e que atrae a numerosos lectores, era un oco existencial do que adoeciamos. E chegou Pedro Feijoo e sóuboo ocupalo de pleno dereito, tanto co seu primeiro libro coma con este -ao que lle auguro tanto ou máis éxito có anterior-.

A memoria da choiva, publicada por Xerais, volve ter unha trama trepidante de novela negra e paseo santiagués. De fondo, a poesía de Rosalía. Que idea tan xenial! Mesturar os versos da nosa poeta cun argumento onde os asasinatos son froito da relación do asasino coa gran figura do Rexurdimento, mentres un home que dista de ser o cabaleiro universal que todo o pode -como fixera xa no seu primeiro libro, Pedro Feijoo busca heroes de carne e óso con máis defectos ca virtudes, algo que se agradece- e unha profesora universitaria -por fin unha profesora!- procuran unha solución que... non, non vou dicir ren. Claro, diredes, o amor como pano de fondo que se entreve desde o comezo xa está máis ca visto... 
Nas súas páxinas toparedes un retrato ben irónico da cultura literaria galega e das súas institucións. Con chiscadelas constantes a personaxes actuais (moito me fixo sorrir esa mención da páxina 43: "Manuel Pintado... Edicións Principais"), medios (xornais conservadores como "La verdad")...; tamén hai tempo para falar de leis actuais que prexudican seriamente a nosa saúde e un longo listado de metáforas que iredes descubrindo baixo a aparencia de ficción.
Un libro cheo de poesía, morte, memoria, amor e futuro. Un final sorprendente. E malia estarmos en Santiago, eu oio o murmurio da marea que sobe e baixa ininterrumpidamente. Estarei enferma de tanto ler?

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.