Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

17/11/13

O futuro da biblioteca no entorno dixital

Asistín este xoves ao X Simposio do Libro e a Lectura da Asociación Galega de Editores que nesta edición abordou «O futuro da biblioteca no entorno dixital».  Alí tiven a sorte de topar cunha muller absolutamente deliciosa que ocupa unha boa parte do meu corazón e mesmo de pór corpo a quen coñecía virtualmente. Asemade, o reencontro con vellos compañeiros e amigos profesionis conseguiron que o día fose moito máis interesante e rideiro do que nun principio supuña. 
Como xa vén de facer Manuel Bragado o resumo da xornada, non vou eu repetir o mesmo (lacazana que son!) porque estou segura de que sempre o faría moito peor. Pero aproveitando que ao meu arredor hai xente moi disposta, pendinlle ao compañeiro Serafín Alonso Pintos, quen ao meu carón tomou notas toda a xornada, que fixese unha colaboración especial para este blogue sobre a magnífica charla que Suso de Toro impartiu como remate da xornada. Ben é certo que teño moita sorte coas amizades: non dubidou en "acatar ordes" e aquí está, a súa visión do bo momento que pasamos en compañía do noso grande escritor.
Tamén hai que dicir que é el o autor da foto que acompaña o texto. Ben vedes que é mellor redactor que retratista!


Velaí vai o texto (con ligazón incluída a un artigo ao que Suso fixo referencia na conferencia). Grazas, Fito:


Atopámonos con Suso de Toro este xoves no X Simposio O libro e a lectura, organizado pola Asociación Galega de Editores (“O futuro da biblioteca no entorno dixital”). Diante dun público especializado que deixou por un día o seu traballo nas bibliotecas públicas todo ao longo do país para ateigar o Auditorio do Consello da Cultura Galega, expuxo un conxunto de  respectuosas, solidarias e perspicaces reflexións arredor da biblioteca e a súa función na cultura occidental. Así, evocando a memoria lectora e cinéfila da obra O nome da rosa, lembrou o feito lector no mundo medieval, onde un individuo podía mesmo, como ficcionaba Eco, ocultar fisicamente un libro (que era ademais exemplar único!) ao público, circunstancia imposible no hiperconectado mundo actual. A biblioteca pública, aberta a todos, pasaría máis tarde a substituír as moi reservadas bibliotecas dos pazos ou mosteiros, e saber ler convertiríase en chave de mundos e horizontes profesionais outrora descoñecidos para a maioría da poboación. Pero aquel paradigma crebou. O propio Suso de Toro tivo que asumir a clausura dun modelo de produción e transmisión cultural do que el mesmo, como escritor e intelectual, fora exemplo senlleiro entre nós.
A pesar diso, as bibliotecas públicas conservan importantes fortalezas. Entre elas, a de permaneceren como institucións inclusivas e plataformas educadoras de civilidade. Fronte a un poder económico que soña con greas de consumidores iletrados, a biblioteca resiste ademais como evidencia de que non todos os espazos de habitación son iguais. A rapazada non se comporta igual nun centro comercial ca nunha biblioteca. O espazo lector demanda respecto, xeitos e ritos, por caso o silencio,  que antes caracterizaban o comportamento en ámbitos sagrados e hoxe están socialmente desaparecidos ou en retirada. Trátase, ben seguro, dunha estrutura ameazada, como o resto das que integran a cadea de comunicación (pénsese nos xornais de papel), pero que mantén unha relación dialéctica co seu tempo, escoita á xente e as súas necesidades, crea comunidade e persiste polo de agora como espazo privilexiado de civilización. Grande Suso de Toro, coma sempre.

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.