Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

30/11/13

100 years of fashion in 100 seconds

100 years of fashion in 100 seconds from aneel on Vimeo.

Vía

Mi libro de horas

A editorial Nórdica publica esta obra cumio de Frans Maserel: Mi libro de horas, unha hisotira que narra tan só con imaxes o periplo vital dun home que viaxa en tren e que amosa sentimentos cruzados de tristura e esperanza. Ao seu arredor veremos a historia humana de amor, morte, ambición, felicidade, sexo, ruído, cidade... Cada páxina é unha obra de arte e todas elas constitúen un libro que amosa unha incrible forza pictórica e evocativa, xa que todas as caras da sociedade están retratadas sen ningunha letra. Un libro que profunda na natureza do home e da vida facendo fincapé nos sentimentos máis efémeros e profundos do ser humano.



¡Imbuíos mientras hojeáis de todo el carácter enigmático de este sueño de la existencia del hombre aquí en la tierra, que es insignificante porque termina y se desvanece, y en cuya insignificancia, sin embargo, está presente lo terno por todas partes haciéndolo realidad!

Co cu ao ar

A artista  Yolanda Domínguez únese á campaña #NadieDesechado paara denunciar as dificultades de acceso á sanidade:

Así nos deixa a Sanidade: "con el culo al aire"

Un paciente coa súa bata de preoperatorio agarrado a un pé de soro pide cartos á xente que pasa pola rúa. Está alí porque foi expulsado do sistema sanitario. 


29/11/13

La teta que os falta



Vía

Matarte lentamente

Hai autores que son coma o viño: melloran cos anos. Este é o caso de Diego Ameixeiras, quen demostra a súa madureza con Matarte lentamente publicado por Xerais. E como o bo viño hai que bebelo en grolos ben pequenos para degustalo mellor, así son os capítulos deste libro de Ameixeiras: pequenos retallos das vidas dos personaxes: unha parella de xubilados preferentistas que escolle unha saída radical para a súa decepción; unha rapaza ecuatoriana que busca unha vida mellor; unha estudante con embarazo non desexado; unha detective que vixía ao seu home; un pai desesperado; un narcotraficante con desexos de adoptar… Vidas cruzadas que converxen nun límite insospeitado e que se presentan simultáneos temporalmente. Nun principio, o lector non concibe a estratexia do autor: que estamos a ler? Que teñen que ver uns con outros? Cal é o argumento? Pero este chegará na confluencia final. Un resultado que nada ten que ver con posibles investigacións das mortes, porque é este o aspecto, quizais, máis salientable desta novela negra: non hai detectives nin policías que precisen averiguar a verdade. Será, entón, que a morte ten a mesma validez que a vida? Será que non ten importancia morrer ou vivir dos cidadáns anónimos?
Todo isto e moito máis sucede en Compostela, símbolo aquí da sociedade capitalista en crise. Unha cidade que é rexida pola sintaxe sinxela, simple, que procede do xornalista autor. Son necesarios para unha novela tremendamente áxil que confirma a este autor como un expoñente principal do xénero negro da Literatura Galega.



A LOMCE resta aínda máis galego

28/11/13

Historia animada de Anis del Mono

Tres mujeres

Marabillosa edición de Nórdica para este poemario de Sylvia Plath con ilustracións de Anuska Allepuz: Tres mujeres ten un só tema (a maternidade) e tres voces (tres mulleres). Son tres maneiras de concibir a maternidade diferentes e conmovedoras; claro, por razóns persoais, quedo cunha, obviamente, pero o libro pareceume totalmente emocionante. Como se enfronta unha muller ao embarazo ou ao aborto? A Primeira Voz representa a dunha nai que se sente realizada cando dá a luz. A Segunda Voz achéganos a presenza da morte, o aborto, o sentimento de culpa, un terrible fracaso (é impresionante), por tanto vainos derrubar con esa sensación de perda. A Terceira Voz espántase da súa propia imaxe e deixa o bebé no hospital para dálo en adopción porque non o quere.
As ilustracións son asemade lenes, firmes, delicadas, feroces. Auténticas.






Juan Carlos, Le Crepuscule d'Un Roi

27/11/13

Ruleta Rusa

Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro

Con moita ilusión agardamos a Ramón Nicolás, autor do libro escollido para comezar este segundo curso en compañía: Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro publicado por Xerais. Unha visita que vén con sorpresa incluída!
Se hai unha biografía dun autor que peche a posibilidade de seguir investigando esa é esta. Ramón Nicolás non deixa un petisco sen profundar, sen analizar, sen ofrecernos absolutamente toda a información posible. E faino de tal xeito que, finalmente, será imposible non amar a poesía deste poeta que se sitúa no cume máis alto da Historia da nosa Literatura. Saberemos coa lectura deste libro da infancia de Celso Emilio en Celanova, da súa participación na guerra, do seu exilio, da volta a Madrid. Todo iso, máis coñecido, estará rodeado de moitísima máis información que a maioría dos mortais descoñeciamos; teremos, agora, unha visión completa da loita que supón unha vida como a de Celso Emilio.
Pero quizais o que máis sobresaia da lectura dunha biografía sexa que leamos este libro coma se fose unha novela, e aí radica precisamente a maxia que lle infire Ramón Nicolás á escrita: sabe que achegarse a un ensaio sempre é máis difícil do que o é unha novela e é quen de transformar ambas nunha narración biográfica áxil e entretida. Asemade, Ramón Nicolás, dende o respecto e o amor a esta figura, pode maxinar escenas que o papel nos transportará para vivilas canda Celso Emilio.

Unha das integrantes do noso club é mai dunha miña alumna de 1º de Bacharelato. O outro día pregunteille en clase se a súa nai lera o libro. A resposta, chea de cariño e ledicia da nena foi: "Miña nai está pesadísima. Di que está namorada de Celso Emilio e que quere ler toda a súa poesía". Fiquei feliz. Iso significa que a elección foi axeitada e que o club serve para... moito, moito!!! E para ela vai este pensamento de Celso Emilio: os poetas son “desenversados” porque os seus versos permanecen para sempre.

“A casa vai ficando baleira. Hai moito rebumbio nela, todo remexido, todo fóra do seu sitio en ben de tarecos esparexidos que non se sabe aínda se irán a parar aos baúis ou cumprirá desfacerse deles de vez..., semella como se levantasen o campamento logo dunha longa tempada instigando o inimigo, por riba este raro calmizo que reina nun estraño mes de maio como este.
CEF senta no seu despacho minúsculo da casa, hoxe máis escuro e tenebroso ca nunca; a mesa xa varrida dos poucos enseres que sempre tivo arriba dela, os andeis da biblioteca só deixan ver a poeira que delimitaba a posición dos vellos libros agora metidos en caixas, pasa un dedo pola madeira mentres prende outro cigarro...”

26/11/13

25 de novembro nos blogues

 Un ano máis, procedemos a "inventariar" o que moito se anda a facer nos centros públicos de Galicia. Só é unha mostra do traballo dos docentes neste día.
Non esquezades a Campaña da ONU.
Nuria Varela.
O lar de Frianciño.
A charca dos libros.
Biblioteca Xoán Farias. 25 de novembro.
CEIP Julio Gurriarán.
O recanto de Mik.
BiblioBN.
CEIP de Ponte Caldelas: Curicuxa.
CEIP de Bandeira (Silleda): 25 de novembro, Día Internacional da non violencia contra as mulleres.
CEIP de Andrade (Pontedeume): Because I am a girl -- (Texto en galego)
O blogue de Donte.
Gándara Lemos.
O Crocaio de Sampaio.
Cadernos de Vide.
Agrobiblio.
CPI San Martiño de Salceda.
CPI A Cañiza: recursos.
O Segrel do Penedo.
Becerreablog. Medios de comunicación. 
IES San Paio (Tui): 25 de novembro, enterremos a violencia de xénero.
IES Pazo da Merce (As Neves): Tod@s contra a violencia de xénero (UNESCO - IES Pazo da Mercé)
IES Pazo da Mercé (As Neves): Páxina de Recursos contra a violencia de xénero. Dpto. Orientación.  
IES Castro Alobre (Vilagarcía de Arousa): Concurso de microrelatos sobre a violencia machista.  Bibliomelide.
IES Pontepedriña.
IES Urbano Lugrís.
IES Concepción Areal.
IES Fraga do Eume.
IES de Curtis.
IES Ribeira do Louro. 
IES Lucus Augusti (Lugo): 25 e novembro, Día Internacional contra a Violencia de Xénero
Portanona: IES Xoán Montes.
As zocas faladoras.


Niñas


 Publicado por Adriana Hidalgo hai xa tres anos, este álbum de Jimena Néspolo e Marta Vicente titúlase Niñas porque é un auténtico catálogo de nenas, pequenos relatos de crías que non queren medrar, pero que ademais semellan estar tristes porque quizais saben que son única e por tanto incomprendidas. Ou porque se medrasen deberían cambiar para vivir en sociedade. Retazos, postais, breves historias e textos efémeros ilustrados por delicados lapis nos que vemos a alma de cada rapaza. Unha galería de personaxes que parece máis sinistra ca real pola súa soidade e polas ilustracións que parecen retratar pantasmas. Un álbum que semella triste, un álbum ben diferente que non agocha as diferenzas. Un álbum que parece doutra época.





Falemos Galego

Terceiro vídeo do noso alumnado para a materia TIC de 1º de Bacharelato sobre a nosa lingua. Este é de Irene Míguez.

25/11/13

Querernos bien

Curta que realizou a Federación de Ensinanza de UXT sobre a violencia de xénero en adolescentes, con Erick Pescador, María José Díaz-Aguado e Marta Ramos.


Ada Menéndez, Las maneras

Fotografía de Akif Hakan Celebi


Me han querido de muchas formas:

A golpes
porque te quiero tanto que lo hago por tu bien,
en silencio
porque te quiero tanto que no es necesario decírtelo,
a escondidas
porque te quiero tanto que nadie puede saberlo.

Pero yo
sólo quiero que me quieran de una forma:

Sin pasar miedo ni un solo minuto
recordándomelo todos los días
gritando a los cinco océanos la verdad,

porque quererme tanto
de otras maneras
es una puta mentira.



Ada Menéndez (Gijón, Asturias, España, 1972)
de Abierta de piernas, Bohodón Ediciones, 2009 
Prólogo de Marcus Versus
o seu BLOG
para ler MÁiS

Non son eu

Teño un alumnado tan estupendo que en canto propuxen facer algo contra a violencia de xénero puxéronse a facer este vídeo. Traballaron tanto que ata tiven que facer de eu mesma! En fin, dar as grazas a Michel, a Rocío e a David polas horas roubadas, o esforzo, a imaxinación e as pelexas. Sodes xeniais!

25 de novembro, un ano máis

Un ano máis, non podía ser doutro xeito, o noso blogue súmase cun vídeo para denunciar a violencia machista. 25 de novembro de 2013, ou calquera outro día, loitamos porque desapareza unha lacra social que non é senón consecuencia do machismo e dunha profunda regresión social que nos preocupa cada día máis.
Un traballo especial: Anxo realizouno en plena crise febril. Pero o noso compromiso está por riba das circunstancias!



E ademais:
"No más mal-tratadas"
Futuro con violencia?

24/11/13

Los buenos tratos dejan huella

O raposo e a mestra


Que Manuel Rivas publique un libro sempre é unha boa nova. Que o libro sexa infantil aínda provoca maior delicia. Con ilustracións de Jacobo Fernández Serrano, Manolo Rivas ofrece en O raposo e a mestra, publicado por Xerais, un conto fantástico de homenaxe á natureza, a Galicia (no monte Pindo), á educación... 
Imposible non collerlle cariño a este raposo raposeiro que sabe de todo e que ten tantos poderes, que é tan presumido e tan argalleiro, que sabe soñar, e que sabe aprender. Como aprende a mestra con el, porque quen ensina tamén aprende, e amosa a súa eficacia conquistando corazóns. Aínda que sexa con torta de mazá e zapatos de claque!
Chaman a atención, asemade, as ilustracións, que ocupan unha das páxinas a modo de cómic, afastándose das ilustracións tradicionais deste tipo de libros. O ilustrador mesmo nos amosa como é o proceso creador: lapis, tinta, cores.


Non á violencia contra as mulleres (CCCXXXVIII)

Alba Moreira, Noelia Amigo e Andrea Meijomín son as autoras deste vídeo contra a violencia de xénero. Grazas pola súa colaboración e o seu entusiasmo.
Mozas, sodes estupendas!

Ogallá fose así


23/11/13

A Lifestory



Vía

Terrible


Nesta miña procura de novos libros pola Igualdade e en contra da Violencia de Xénero cheguei a este Terrible de Alain Serres con ilustracións de Bruno Heitz que Libros del Zorro Rojo publicoua hai xa tres anos. Un lobo aínda máis temible ca o dos contos tradicionais é este que temos hoxe, un maltratador que abusa do seu poder e do seu tamaño. E maltrata a canta outra criatura se lle poña por diante. Con ilustración cheas de expresividade, entendermos que só unha gran dose de cariño e paciencia, mesturada con audacia e intelixencia, será capaz de enfrontar a alguén que amosa unha actitude tan grotesca e violenta porque no fondo sente medo, medo ao ridículo e á vulnerabilidade. Palabra esta que será a clave da historia.






Manifesto da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega pola fin da violencia de xénero


Vin en Caderno da Crítica que a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega deu a coñecer un manifesto, elaborado pola escritora María Reimóndez titulado «O dioivo que non cesa», por mor da celebración, este vindeiro 25 de novembro, do día no que se reclama a fin da violencia de xénero.  Podedes acceder a el desde aquí.
A violencia que exercedes contra nós é o dioivo que non cesa. Se cadra non queredes ver as pingas, mais o dioivo existe. Non fai falla abrir o xornal e atopar outra muller asasinada, a auga comeza a caer moito antes. Componse de todos os espazos dos cales nos expulsades, das decisións que tomades sobre os nosos corpos e sobre as nosas vidas, do imaxinario que como sociedade construímos e que afirma o dereito dos homes a ser os nosos donos e que nos inculca a nosoutras a submisión e a obediencia. Ao final de todas esas palabras, dos pequenos desprezos de cada día, dos insultos ás mulleres que falamos alto, da estigmatización constante das que no medio da choiva torrencial tendemos as mans as unhas ás outras, están os nosos cadáveres. Sobre eles asentades a vosa sociedade.

Nosoutras non queremos os vosos paraugas fanados, eses que estendedes cada vez que aparece un dos nosos corpos asasinados rachando as vestiduras, describindo aos agresores coma tolos, culpando as vítimas mortas por non denunciar ou a aquelas que sobreviven por levar certas roupas, estar onde non deben a certas horas ou comportarse como segundo vós non é correcto. Nosoutras o que queremos é unha sociedade nova, unha sociedade que non se asente na violencia diaria e permanente contra ao 50% das súas integrantes, que non busque a complicidade das propias mulleres para exercela e que non fomente o desentendemento por parte dos homes como colectivo do comportamento dos seus integrantes individuais. Non queremos unha sociedade na que as formas de ocio dos homes inclúan o comercio cos corpos das mulleres, unha na que o lugar máis perigoso para nós sexa o fogar, unha sociedade na que se aterrorice ás mozas coa violación pero non se eduque aos mozos para que non a cometan.

Tampouco queremos unha sociedade onde as vítimas queden á intemperie, onde a impunidade sexa rampante e onde dez mulleres teñan que poñerse en folga de fame porque as opcións que teñen a escoller son a morte ou a morte. Disto todas nós somos responsables. Os dioivos tampouco admiten comparacións, non valen as gradacións e as escusas, non vale dicir que aquelas están peor e nosoutras mellor porque mentres sigamos sendo vítimas da violencia en calquera recuncho do planeta ningunha de nós deixará de estar á intemperie. Porque semellades esquecer que son as pingas as que poden erosionar as rochas e que igualmente este dioivo de violencias ao que nos sometedes cada día non permite que exista xustiza en ningunha sociedade.

Mais no medio da choiva non debemos esquecer que os dioivos se forman na terra. Son auga que se evapora e logo cae, por iso se queremos cambiar algo debemos de ir ás raíces. De aí que as medidas máis importantes son aquelas que implican poñer en dúbida os valores existentes, deixar espazo para que as mulleres falemos, recoñecer os nosos dereitos, saberes e coñecementos e rematar cos espazos onde constantemente se nos cousifica, se nos educa para ser princesas e se nos define exclusivamente en relación a algún varón.

Por iso nosoutras, que somos coma os ríos, os mares e os océanos traballamos cada día no medio do trebón para cambiar as pingas do orballo e da xeada, para darnos a man. Para que o dioivo que caia, no canto de ser os nosos corpos mazados, sexa auga para unha nova sociedade. Iso é o que reclamamos aquí e agora na mesma voz que nos une a todas as persoas do mundo que hoxe saímos á rúa para denunciar a violencia, esixir a súa fin e poñer en valor o noso traballo. Non estamos soas. Somos xa enxurrada de pingas poderosas que se arrepón ao torrente que quere afogarnos.

Noticias para ler:
.- Violencia machista no traballo, vía Sermos Galiza.
.- El cuerpo de la mujer queda expuesto y agredido, en Comunicar Igualdad.
.- Actualidade, triste actualidade.
.- Para as nosas adolescentes.

22/11/13

Swing Of Change

Sopa verde

Fíxome sorrir ao lembrar a miña nenez e a miña estupidez coas comidas. A verdade, eu era un pouco fastidiosa! Este álbum que nos trae OQO de Ángela Madeira e Till Charlier afonda no intento de mais e pais para que a súa prole coman de todo. En Sopa verde é un coello quen é incapaz de comer nada que non sexa verde, sen dar unha oportunidade a outros alimentos que poden ser moito máis saborosos... pero se non se proban, como se vai saber?
Fixádevos nas ilustracións: non só acompañan ao texto senón que proporcionan información divertida de cada dun dos personaxes. Personaxes que se presentan co sistema de enumeración repetitiva tan axeitada nos contos infantís.

Era unha vez un coello
ao que só lle gustaba o verde:
leitugas verdes,
brócolis verdes,
coles verdes,chícharos verdes,
espinacas verdes,
alcachofas verdes,
pementos verdes…

—Só me gusta o verde –repetía a todas horas.





Fala galego

Estupendo vídeo do alumno Alberto Fariña para a defensa da lingua:

21/11/13

Amistad / FriendSheep



Vía

A Terra Queima

Xurxo Souto lanza un novo disco-libro...no que el se encarga do libro. 
A Terra Queima é un proxecto do compositor coruñés Lalo Carnota,  as ilustracións de Sesé Barreiro e as fotografías de Xulio Rey

"É a historia de Antón un rapaz das Lagoas. Un día en Lardeiros, a aldea dos seus avós ( como todos os nenos da Coruña, Antón ten aldea) o corvo Roque reclama con urxencia a súa axuda para resolver un enigma. Cuestión importante. Da súa resposta depende a salvación do Mundo.  

         Enriba do mar un cabalo

         Para chegar ao altar

         A forcada busca o ollo

         O ollo corta o coitelo

         E só Xan Rei o albisca

         Polo burato sen nome.

         Avisos urxentes:

         Un ramalliño

         Do corvo no pico,

         No niño dos touciños.

 A solución (aínda que non a saibamos ver) está xusto aquí, diante de nós....

A Terra Queima reivindica unha vez máis a beleza e a eufonía das pedras percebeiras que rodean á Torre de Hércules: A Longuiña, O Grelle, Sogadoiro, As Eiras, Macallás… roteiro magnífico, de visita obrigada para quen, como Antón, queira atreverse a desenguedellar tan grande enigma.

 (Presentación Sábado 24,  BIBLIOTECA DA AAVV ATOCHAS MONTE-ALTO no Campo de Marte s/n; ás  19.30 horas )


A Terra Queima é un proxecto interdisciplinar do compositor coruñés Lalo Carnota, as ilustracións de Sesé Barreiro, as fotografías de Xulio Rey e o texto de Xurxo Souto que vén de publicar a editorial Xerais. Un neno que debe axudar a resolver un enigma porque a Terra necesítao. E para isto ben lle cómpre a xuda daqueles que saben máis. Quizais a solución non sexa tan difícil e poidamos axudar. 
Fermoso libro que reivindica a beleza e a eufonía das pedras que rodean á Torre de Hércules. Un roteiro magnífico da man de Antón e e dun nobelo enigmático: procuremos nós tamén o anceio de saber, abramos os ollos, sintamos eses escenarios naturais, rodeémonos da nosa natureza en estado puro.
Un libro para gozar lendo e escoitando; cada secuencia temática conta coa súa respectiva banda sonora.

Enriba do mar un cabalo
para chegar ao altar.
A forcada busca o ollo,
o ollo corta o coitelo
e só Xan Rei o albisca
polo burato sen nome.
Avisos urxentes:
un ramalliño
do corvo no pico,
no niño dos touciños.



 




Érguete e fala!

Denise Varela vén de facer este vídeo para defender a nosa lingua: 


20/11/13

Ana e Bruno

Ver la luz

Cando o vin, namoreime. Como non podía ser doutro xeito! Este fermosísimo álbum despregable está publicado por Kókinos e é de Emma Giuliani: Ver la luz amosa sobre todo sensibilidade e beleza. Abrídeo con coidado, e deixádevos conmover pola beleza mentres o despregades: ao facelo, haberá unha eclosión de cor das flores que estaban en branco e negro.
Sinxelamente marabilloso!
"Nacer en un vasto universo. Vivir gracias al calor de otro, y después darlo también... "

¡Voy a comedte!


Este divertido álbum publicado por Kókinos é de Jean-Marc Derouen e Laure du Faÿ, ¡Voy a comedte! é unha historia dun lobo que ten algún que outro problema, desde o seu xeito de falar ata a súa inocencia. Ou iso ou que todos os animais son máis listos ca el.
Que cal é resposta? Teredes que buscar vós cal é a solución. E xa me diredes se é un lobo malo este ou non.

Pensé que era un juego

Sempre atenta, a miña prezada Susana fíxome saber deste vídeo presentado ao concurso de Amnistía Internacional sobre nenos e nenas soldado. Realizado polos alumno@s de 4º de ESO "A" do IES "A Basella", de Vilanova de Arousa.



Na páxina de Amnistía Internacional tedes un resumo da situación e mais o seguinte vídeo: 

19/11/13

Cumpleaños Feliz

¿Quién anda ahí?

Emilio Urberuaga é o autor deste álbum publicado por Kókinos: ¿Quién anda ahí? é un exercicio de metaliteratura onde o protagonista quere selo porque non o é, xa que en realidade quen é o protagonista do libro é un crocodilo. Así que vai empurrar moi forte para romper a páxina e reordenar a súa vida, amoblando o seu propio territorio, e onde vai estar mellor que nunha ilustración chea de personaxes onde el pasa desapercibido. Cando menos, iso é o que o rapaz cre. E isto é o máis fermoso e interesante dun libro que xoga coa literatura e a metaliteratura en todas as súas páxinas.
Ah, buscade tamén o nome dun coñecido pintor alemán!

Mesmos dereitos

Rusia exerce unha violenta represión contra as persoas homosexuais. Os Xogos Olímpicos de inverno son unha oportunidade para pór fin ás abusivas leis rusas. Mira o vídeo e asina aquí:


 

18/11/13

Una corta historia de amor / Unha curta historia de amor

A memoria da choiva

Non sei se existe unha fórmula científica supersecreta que consiga que un libro ate a un lector ou unha lectora a unha cadeira e consiga telo amarrad@ ata que remate a súa lectura. De existir, está claro que Pedro Feijoo conseguiuna. Ollo, é unha arma letal para a que non hai antídoto. E esa arma letal procura o divorcio, a fame, o estropicio dunha casa... A saber. Eu, xa vos digo, andaríame con moito tino. Este Pedro Feijoo ten "un ollo" que imprime medo. 
E ben sei de que falo. Comigo tamén o tentou. Pero eu son moi afouta e planteille cara. Non ían poder comigo menos de cincocentas páxinas!

Teño para min que dende hai non moito tempo conseguimos ter na nosa Literatura un exercicio que Pedro Feijoo vén de eclosionar: a existencia dos best-sellers. Si, algo que semella tan sinxelo e do que todo o mundo fala, ese libro que está por todas partes e que atrae a numerosos lectores, era un oco existencial do que adoeciamos. E chegou Pedro Feijoo e sóuboo ocupalo de pleno dereito, tanto co seu primeiro libro coma con este -ao que lle auguro tanto ou máis éxito có anterior-.

A memoria da choiva, publicada por Xerais, volve ter unha trama trepidante de novela negra e paseo santiagués. De fondo, a poesía de Rosalía. Que idea tan xenial! Mesturar os versos da nosa poeta cun argumento onde os asasinatos son froito da relación do asasino coa gran figura do Rexurdimento, mentres un home que dista de ser o cabaleiro universal que todo o pode -como fixera xa no seu primeiro libro, Pedro Feijoo busca heroes de carne e óso con máis defectos ca virtudes, algo que se agradece- e unha profesora universitaria -por fin unha profesora!- procuran unha solución que... non, non vou dicir ren. Claro, diredes, o amor como pano de fondo que se entreve desde o comezo xa está máis ca visto... 
Nas súas páxinas toparedes un retrato ben irónico da cultura literaria galega e das súas institucións. Con chiscadelas constantes a personaxes actuais (moito me fixo sorrir esa mención da páxina 43: "Manuel Pintado... Edicións Principais"), medios (xornais conservadores como "La verdad")...; tamén hai tempo para falar de leis actuais que prexudican seriamente a nosa saúde e un longo listado de metáforas que iredes descubrindo baixo a aparencia de ficción.
Un libro cheo de poesía, morte, memoria, amor e futuro. Un final sorprendente. E malia estarmos en Santiago, eu oio o murmurio da marea que sobe e baixa ininterrumpidamente. Estarei enferma de tanto ler?

Les clients

Quedei impresionada ao ver este vídeo e tentar maxinar a calquera dos homes que coñezo falando así. "Os clientes" é un vídeo de sensibilización de Zéromacho en Francia, unha asociación de homes que están contra a prostitución. Está baseado en conversacións reais de chats.
"Os clientes" son homes maltratadores invisbles que escravizan as mulleres. E crense con dereito a facelo.

17/11/13

El Fin / The End

O futuro da biblioteca no entorno dixital

Asistín este xoves ao X Simposio do Libro e a Lectura da Asociación Galega de Editores que nesta edición abordou «O futuro da biblioteca no entorno dixital».  Alí tiven a sorte de topar cunha muller absolutamente deliciosa que ocupa unha boa parte do meu corazón e mesmo de pór corpo a quen coñecía virtualmente. Asemade, o reencontro con vellos compañeiros e amigos profesionis conseguiron que o día fose moito máis interesante e rideiro do que nun principio supuña. 
Como xa vén de facer Manuel Bragado o resumo da xornada, non vou eu repetir o mesmo (lacazana que son!) porque estou segura de que sempre o faría moito peor. Pero aproveitando que ao meu arredor hai xente moi disposta, pendinlle ao compañeiro Serafín Alonso Pintos, quen ao meu carón tomou notas toda a xornada, que fixese unha colaboración especial para este blogue sobre a magnífica charla que Suso de Toro impartiu como remate da xornada. Ben é certo que teño moita sorte coas amizades: non dubidou en "acatar ordes" e aquí está, a súa visión do bo momento que pasamos en compañía do noso grande escritor.
Tamén hai que dicir que é el o autor da foto que acompaña o texto. Ben vedes que é mellor redactor que retratista!


Velaí vai o texto (con ligazón incluída a un artigo ao que Suso fixo referencia na conferencia). Grazas, Fito:


Atopámonos con Suso de Toro este xoves no X Simposio O libro e a lectura, organizado pola Asociación Galega de Editores (“O futuro da biblioteca no entorno dixital”). Diante dun público especializado que deixou por un día o seu traballo nas bibliotecas públicas todo ao longo do país para ateigar o Auditorio do Consello da Cultura Galega, expuxo un conxunto de  respectuosas, solidarias e perspicaces reflexións arredor da biblioteca e a súa función na cultura occidental. Así, evocando a memoria lectora e cinéfila da obra O nome da rosa, lembrou o feito lector no mundo medieval, onde un individuo podía mesmo, como ficcionaba Eco, ocultar fisicamente un libro (que era ademais exemplar único!) ao público, circunstancia imposible no hiperconectado mundo actual. A biblioteca pública, aberta a todos, pasaría máis tarde a substituír as moi reservadas bibliotecas dos pazos ou mosteiros, e saber ler convertiríase en chave de mundos e horizontes profesionais outrora descoñecidos para a maioría da poboación. Pero aquel paradigma crebou. O propio Suso de Toro tivo que asumir a clausura dun modelo de produción e transmisión cultural do que el mesmo, como escritor e intelectual, fora exemplo senlleiro entre nós.
A pesar diso, as bibliotecas públicas conservan importantes fortalezas. Entre elas, a de permaneceren como institucións inclusivas e plataformas educadoras de civilidade. Fronte a un poder económico que soña con greas de consumidores iletrados, a biblioteca resiste ademais como evidencia de que non todos os espazos de habitación son iguais. A rapazada non se comporta igual nun centro comercial ca nunha biblioteca. O espazo lector demanda respecto, xeitos e ritos, por caso o silencio,  que antes caracterizaban o comportamento en ámbitos sagrados e hoxe están socialmente desaparecidos ou en retirada. Trátase, ben seguro, dunha estrutura ameazada, como o resto das que integran a cadea de comunicación (pénsese nos xornais de papel), pero que mantén unha relación dialéctica co seu tempo, escoita á xente e as súas necesidades, crea comunidade e persiste polo de agora como espazo privilexiado de civilización. Grande Suso de Toro, coma sempre.

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.