Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

27/09/15

Interferencias

Debo recoñecer que cando comecei a ler Interferencias de Manuel Seixas, publicado por Xerais, estiven a piques de deixalo en varios momentos. Non me atraía, e pensei que iamos estar unha vez máis ante a típica historia de amor. Pero errei. A historia dá un xiro necesario e sorprendente e atopámonos ante dúas individualidades ben diferentes e marcadas que nos subxugan e ao mesmo tempo provocan algo de temor. Coido que despois desta revelación todo sucede demasiado axiña, e os prolegómenos son demasiado lentos. Pero o libro ten un aquel que gusta e que enreda os miolos. A soidade, a dor, e un cruzamento que pode ser insospeitado. Existe a casualidade? Existe o destino? Existe unha segunda oportunidade? Non todas as preguntas achan a súa resposta neste libro, que deixa o futuro en mans do noso maxín ou en mans dese narrador omnisciente que nos lembra que ese futuro "xa sería outra historia". De momento, temos unha historia que vén predeterminada, porque a vida é así, xoga connosco. Por que non? Porque o alento e a esperanza tamén poden formar parte de nós. E os dous personaxes que acompañamos no seu devir cotián ben merecen sorrir e vivir plenamente... ou non? Son dous seres que deben ser castigados pola súa conduta? Poden cambiala? A importancia de como se senten estes personaxes é a chave deste novela curta que incide sobre todo neste aspecto. Porque o amor e a felicidade falan do ser humano, igual que a brétema producida pola enfermidade psicolóxica. 
Con esta novela paseamos por ese proceso de tristura fonda, de escuridade do ser humano, ata topar un relampo de claridade que volve a escurecerse. Si. As preguntas aboian no ar. Vós contestádeas para vós. Que cadaquén se forme a súa opinión. Somos así de complexos!

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.