Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

13/11/15

Nena e o mar

Érica Esmorís, gañadora do Premio Merlín de Literatura Infantil con este relato de superación no ano 2015, conta en Nena e o mar, publicado por Xerais, como a desidia pode ser enfrontada e superada pola forza do amor, e todo o que isto representa: a vontade, a esperanza, a fouteza... Porque son estes valores os que nos transmite un relato que se demora en describir unha vida sen futuro tras as pegadas inconscientes do pasado, os erros que non se solucionan, as rémoras que permanecen, os malentendidos non aclarados proxectados nun presente lúgubre... lembrándonos que na loita persoal está a consciencia da vida e a superación para seguir adiante. Esta é a base dun lugar sombrizo e vello que atopamos no relato, un lugar que terá que espabilar ante unha heroína de carne e óso de tamaño diminuto.O libro respira de xeito pausado co devalar das mareas, reconstruíndo pouco a pouco historias de vida e de desalento que poden cambiar, como cambia a lúa e como cambia o tempo, mudando a frustración en ledicia, en respecto.
Pululando sobre as palabras que ben encadeadas constrúen o texto, valores como a tenacidade e a valentía lémbrannos que podemos mirar adiante sen temor a mirar para os lados, porque a vida é unha construción de variables que debemos ir superando. Nin todo é bo nin todo é malo. O ser humano vai sufrindo e gozando a medida que o tempo avanza. Só debemos acordar que moitas veces na nosa loita persoal sitúase un tempo de mellora.


Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.