Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

20/07/16

Las deudas del cuerpo

Sigo avanzando na saga de Elena Ferrante con este terceiro título Las deudas del cuerpo publicado por Lumen. Aínda que seguimos os pasos destas dúas mulleres camiñando pola vida adulta, resulta moi interesante o encadre do tomo, as revoltas sociais, a camorra, o fascismo, e sobre todo o feminismo. Descubrín moita información non sabida das revoltas sociais desta época en Italia, os movementos obreiros e estudiantís, o papel do comunismo e o da extrema dereita. Hai asemade moitas reflexións  sobre o papel da muller na sociedade. Como o libro non é meu, non puiden subliñar algunhas frases que me gustaría destacar e que agora non atopo, aínda que lembro unha que viña a denunciar "mientras los dos toros hablaban las vaquillas teníamos que escuchar", ou algo así, denunciando a invisibilización da muller e o estigma que sobre ela pesa e a súa intelixencia mesmo en círculos considerados cultos. Por iso esta cuarta entrega pareceume particularmente oportuna. Tamén o é o feito de que todos os personaxes evolúen, en cada entrega imos admirando como medran todos e todas elas, ninguén permanece tal cal se nos informara na anterior entrega literaria.
Segue a ser moi interesante esta loita de clases, ese querer deixar se pertencer a un determinado lugar, a unha determinada estirpe familiar. Pódese conseguir? Consegue Elena fuxir de si mesma e ter o seu propio espazo vital? Leremos con ela do seu sufrimento, da súa angustia, dese querer ser ela e non verse eclipsada por canto a rodea; e leremos sobre o machismo, como non, ese que non permite que unha muller teña luz propia e que esa luz poida brillar máis cá do seu cónxuxe; por iso Elena deberá apagarse no seu matrimonio, porque casa cun home temeroso de non ser máis intelixente cá esposa. E saberemos, claro está, da amiga, de Lina, non son nada a unha sen a outra, pero cada vez que unha brilla, a outra apágase.
Destacar tamén a ollada que deita a autora sobre determinados problemas sociais: o divorcio, o feito de ser unha nai soa, a soidade na que te mergulla unha sociedade que non permite fuxir das súas convencións máis primarias... Leremos que nesta época xa existía a pílula anticonceptiva (tamén aquí? nin idea), pero que precisamente a sociedade non permitía achegarse a ela con liberdade. Cantos pasiños temos dado!
Son moitos os aspectos destacables desta novela. Ansío ir pola cuarta e a ver que ocorre.


Este texto es una creación de Devoradora de libros y no está permitida su copia.


1 comentario:

Elvira M. dixo...

Despois de ler a túa reseña, penso que quizais nun momento prexulguei a lectura e deixei de ver cousas valiosas que ti destacas.Que bo compartir lecturas!!!

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.