Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

31/12/16

Eu son Suleimán

Vén de publicar Kalandraka baixo o seu selo Faktoría K esta tradución do libro de Antonio Lozano, Eu son Suleimán, un retrato moi vívido do drama da emigración na voz do protagonista, quen nos conta non só os avatares polos que pasa un emigrante que desexa procurar unha mellor vida, senón tamén por que se converte en emigrante e cantos sufrimentos ten que sobrelevar. E non, non agardedes un final feliz de conto de fadas. Esta narración, xa digo, é moi real, e a vida ofrece máis sufrimentos ca ledicias.
Suleimán é un neno mandinga que quere fuxir da miseria e da fame do seu país; calquera pode ser Suleimán. Suleimán non só o intenta unha vez, senón dúas, perdendo os mellores amigos polo camiño; calquera pode ser Suleimán. Suleimán non é deportado por sen menor de idade e vai á escola en España; calquera pode ser Suleimán. Cando é maior de idade, ponse a traballar pero é un indocumentado; calquera pode ser Suleimán. E así...
Estamos ante unha lectura poderosa que conta sen remilgos a actualidade e o sufrimento. E conta como miramos nós ese drama doutras persoas, como miramos a diferente cor da pel, como xulgamos sen saber. 
Lembroume en moitos aspectos o libro de Manuel Núñez Singala, Camiños na auga. Ambas novelas contan situacións semellantes, pero o libro de Singala é máis esperanzador ca este. Ambos contan un periplo vital dunha situación terrible, narran un sufrimento vivencial semellante, pero ao rematar esta lectura quedamos sen esperanza, esa mesma ausencia que sofren millóns e millóns de persoas e que tantas veces non queremos ver.
Así que ao comezar o curso, alá vou ás aulas co libro baixo o brazo. Lerano, seguro.

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.