Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

15/01/17

Mamá, quiero ser feminista

Antes de lelo, olleino e souben que este era o libro indicado para comezar o novo Club de lectura Feminista que puxemos en marcha na Biblioteca pública de Lalín, grazas á xenerosidade da Concelleira de Cultura, Lara Rodríguez. E foi este porque na primeira reunión observei que había moita rapazallada, máis da que imaxinara, e moitas persoas maiores que seguramente non pensaran nunca participar nunha cousa así. 
Un libro cunha lectura amena e lúcida, mesmo tersa, ilustrado (maxistralmente) por Malota, de Carmen G. de la Cueva, publicado por Lumen. Mamá, quiero ser feminista é unha especie de biografía onde a autora vainos contando a necesidade de procura persoal nas lecturas de mulleres ao longo da súa vida, como apoio e como base para a súa propia concienciación persoal. Paseando polas súas páxinas, a autora cóntanos como a través das referentes feministas cambiou a percepción da vida, ou afianzouse esa percepción diferente que ela mesma intuía pero non sabía darlle voz. 
Ninguén ensina á muller o dereito a ser libre, o dereito a ser igual. Témolo que ir aprendendo pouco a pouco. É máis, observamos que mesmo nolo queren impedir. A sociedade pretende que sexamos as vítimas dunha historia inxusta que só escriben os homes. De aí a importancia do feminismo, a importancia de querenos a nós mesmas, a importancia da nosa loita, a importancia de berrar todas xuntas e tamén por aquelas que non puideron facelo. 
O libro dános a coñecer nomes importantes e as súas obras, por iso tamén é idóneo para o comezo do club de lectura, aínda que nos falten os nomes da nosa Literatura e seremos nós quen completemos esa lista. Así, falaranos de Simone de Beauvoir, Virginia Woolf, Jane Austen, Caitlin Moran, Svetlana Alexiévich ou Virginie Despentes. Por iso considero que é unha boa elección, porque asemade aprendermos máis sobre o movemento feminista e as súas defensoras.

 

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.