Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

30/07/17

Os días lebre

Tráenos Kalandraka un fermoso poemario de Clara López ilustrado por Marcos Viso: baixo o título de Os días lebre agóchanse poemas  emocionantes e emocionados ilustrados en tons pastesl, doces de sentimentos ambos, versos e ilustracións, para fuxir a unha infancia que se agochou no paso inquebrantable dos días, días lebre, efectivamente, porque correron tanto que xa fuxiron de nós. Liberdade que marchou con ese tempo dun animal que case voa, para agasallar asemade días tartaruga onde o tempo detense para que nos reconciliemos coa vida, coas sensacións, co cotián que nos depara, xaora, doces lembranzas para un futuro no que tornaremos outra volta coa sensación de días lebre. Entrementres, poesía con "restas que súen", "venres cansos", "verbos difíciles que van en parella", "días ceo" e "avoas que voan".
Dá gusto sentir así a poesía.

Odio que os días leven nome,
tamén en inglés,
e que os teña que saber,
e en orde.
Agardo unha guerra de días,
que se rebelen,
se confundan,
se disparen,
se disipen,
se comparen,
e se vexan,
como son,
todos, 
outra vez,
exactamente,
iguais.


Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.