Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

15/08/17

Ícaro

Un pracer descubrir este autor de novela negra que nos trae Salamandra na súa colección "Black": Deon Meyer e o seu Ícaro foi unha lectura apaixoante e diferente por vir dunha terra case descoñecida e aportarnos un retrato social dela (un país cheo de conflitos polícos e raciais, unha paisaxe case inclemente), ademais dun vocabulario definido e un argumento sólido. Non importa non ter lido ningunha entrega anterior desta saga cun detective protagonista (novamente, unha figura rompida en mil pedazos con adicción ao alcohol, algo demasiado manido para este tipo de personaxes) porque son independentes e é doado saber a evolución dos personaxes ata chegar a esta entrega. Desta volta temos varias liñas narrativas, todas elas ben fiadas ata confluir nunha soa: os negocios da internet, o cultivo vitivinícola, as fortunas chinesas, e a propia investigación dun asasinato (que aporta asemade o retrato emocional dos protagonistas da saga); todas elas quizais postas en función do retrato social ao que eludiamos, ese desafío dunha sociedade que vén de sufrir tanto durante tanto tempo e que vive aínda baixo unha sombra que non debería ter existido por canta dor supuxo: o apartheid.
Coido que haberá que volver a este autor.

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.