Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

06/08/17

La levedad

Como sobrevivir a un ataque terrorista? Como seguir coa vida? Como crer na arte, na beleza, estando rodeados de morte e terror? Catherine Meurisse escribe e debuxa sobre todo isto en La levedad, cómic publicado por Impedimenta. O xeito de sobrevivir á dor mediante á arte é retratado dun xeito fermosamente doloroso, facéndonos partícipes desta situación terrible que nos ensina que a arte, ou sexa, a cultura, pode salvarnos das inxustizas.
A autora e protagonista, en pleno shock postraumático por ter perdido a amigos e compañeiros nun ataque terrorista, cae nunha apatía que a converte nunha autómata incapaz de sentir, mesmo de se emocionar. Así que anímase a viaxar e pretende refuxiarse na literatura, pero non consegue saír dese estado. De aí, a procura da arte, de embriagarse de arte para sentirse viva de novo. Por iso o libro será un canto á beleza, ao poder que ten a arte para curar o que realmente parecía incurable.
De fondo, a loita por seguir procurando aquilo no que crían os seus compañeiros asasinados, o humor e arte do debuxo como loita social.




Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.