Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

06/11/17

Las pioneras

A Premio Nobel de Medicina, Rita Levi-Montalcini, xunto con Giuseppina Tripodi convidan a unha reflexión sobre a situación da muller na ciencia, presentando unha antoloxía biográfica de mulleres científicas de todos os séculos en Las pioneras. Las mujeres que cambiaron la sociedad y la ciencia desde la Antigüedad hasta nuestros días. Con este libro publicado pola editorial Crítica, volvemos a comprender e sufrir coa cantidade de obstáculos aos que estas mulleres tiveron que se enfrontar por ser só iso: mulleres. Mulleres con intelixencia que só tiñan ante si o desprezo da sociedade patriarcal, o menosprezo dos seus traballos e memos tiveron que calar cando o seu froito era arrebatado polos compañeiros de profesión varóns.
Esta antoloxía presenta unha orde cronolóxica segundo a data de nacemento de sesenta e oito científicas e están agrupadas por épocas ou séculos, e máis ca biografías, do que se nos informa é dos avances científicos que elas protagonizaron, de xeito escueto. Hipatia, Ada Augusta Byron King, Marie Curie, Elisabetha Koopman-Hevelius, Trotula de Ruggiero, Mileva Maric-Einstein, Lise Meitner... cantas coñecedes/coñecemos?
Se estas mulleres foron capaces de tanto, pensemos como sería todo de termos unha sociedade igualitaria dende o principio dos tempos. Pero ás mulleres era mellor calalas ou queimalas por bruxas. A intelixencia só podía vir da parte masculina. Este libro convida a reflexionar sobre isto, sobre o talento oculto de miles de mulleres que xamais coñeceremos.

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.