Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

10/02/18

La chica miedosa que fingía ser valiente muy mal

Esperaba, supoño, outro libro moi diferente deste antes de comezalo por ser moi fan da súa autora, Barbijaputa, e a pesar do estrañamento inicial, o libro gustoume. Falo de La chica miedosa que fingía ser valiente muy mal publicado por Aguilar. O libro resulta moi sinxelo de ler e non se fai para nada longo, xa que o importante é o contido e por iso non topamos unha prosa chea de florituras, o que si temos é ironía, humor, denuncia social, política e moito feminismo. Esta parte é a máis importante e conséguese que forme parte dunha historia de amor de xeito natural, dun xeito eficiente. A moza protagonista é máis que crible: afoga entre a seguridade exterior, con ideas moi claras, e as fraquezas interiores que a agobian e que pretende ocultar... ata que no pode máis. De aí o título, posto que a esta muller está chea de inseguridades, de medos, de decepcións... O normal nunha moza nova. Como o é o feito de estar namorada e pensar que todo pode derrubarse se ese amor fracasa, porque o amor é o que sostén a vida, non a propia persoa. De aí xorde o conflito.
Paga a pena recalar nos personaxes que pululan arredor da protagonista, sobre todo a figura do pai, moi chamativa, e as amizades que vai facendo polo camiño.
Por suposto, a autora aproveita para deitar crítica social nas súas páxinas, ferímonos coas aristas que nos ensina e aprendemos coas súas referencias feministas: así que acertamos de pleno ao escollela como lectura dos nosos clubs de lectura feministas.



Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.