Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

11/04/18

El otro lado del silencio

E xa postos, seguín con Philip Kerr, agora co último libro publicado en español por RBA, El otro lado del silencio que vén a ser máis unha novela de espionaxe que negra. 
Arestora, a historia sitúase en 1956 e o noso protagonista, Bernie Gunther, vive na Riviera francesa. Leva unha vida máis ou menos monótona, pero coñece un personaxe ben coñecido, William Somerset Maugham -escritor que deita un cinismo particular na sociedade que o rodea-, quen o contrata para axudalo nunha chantaxe que o presiona. Así, volveremos, como non, á Alemaña nazi para lembrarnos os horrores da Segunda Guerra Mundial (e ensinarnos algo de historia: a vinganza rusa, a maior traxedia da mariña da hisotira, o misterio da Cámara de ámbar). Dende esta chantaxe, todo se torna máis e máis complicado para amosarnos como as axencias de intelixencia británicas loitan en plena guerra fría coas da RDA. Así que a partir de aquí a novela vén a ser, como indicamos ao principio, unha novela de espionaxe; como tal, é difícil saber que é certo e que non. Coma sempre, personaxes reais andan canda personaxes ficticios polas páxinas do libro.
Teño que dicir que foi a entrega que menos me gustou, pareceume moi enrevesada e ás veces resultábame demasiado liosa. Pero, por suposto, lerei os libros que faltan deste autor que nos deixou hai pouco: é de agradecer a investigación que realizou para escribir estes libros.



 

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.